luns, 25 de maio de 2020

Círculos de confianza

CÍRCULO DE CONFIANZA: APRENDEMOS OS DIFERENTES TIPOS DE RELACIÓNS QUE TEMOS

Con esta actividade ensinamos de xeito explícito e personalizado os diferentes tipos de relacións que se teñen.  
É válida tanto para Infantil como para Primaria, adaptando a linguaxe. 
Podemos aproveitar para traballar sobre habilidades conversacionais (Como falamos con persoas da familia? Como falamos con persoas descoñecidas? Como saudamos ás persoas da familia? Como saudamos ás persoas coñecidas?), condutas axeitadas en público e en privado, etc.
MANS Á OBRA

NECESÍTASEun folio ou cartolina grande e rotuladores ou lapis de cores. Incluso se poden empregar fotos reais das persoas.

Pódese facer a man ou descargar este documento e cubrilo:

1º) Introducimos o tema. Podemos preguntar: Sabes o que significa a confianza? Explicarllo se o precisa, adaptándonos á súa linguaxe: "a confianza significa ter seguridade cando estamos con alguén, fiarse da outra persoa, familiaridade, alguén a quen podes pedir axuda e contarlle os teus problemas...".

2º) Os círculos. Se non imprimimos, podemos debuxar os círculos e iremos engadíndolles os nomes ou fotos das persoas.

Círculo 1: EU.
Preguntámoslle "En quen confías máis? Se tes un problema que fas?" É probable que diga "buscar a alguén", neste caso debemos buscar exemplos que potencien a súa autoconfianza e autoestima: "cando tes un problema, primeiro intentas solucionalo ti buscando alternativas. Se che apetece algo, primeiro ti o buscas, tratas de conseguilo...".

Círculo 2: FAMILIA OU MOITA CONFIANZA.
Preguntámoslle: "Con quen podes contar sempre sen condicións? A quen podes acudir se non podes resolver un problema?". Se nomea amigas/os, podemos poñer exemplos para que vexa que antes que as/os amigas/os, hai outro grupo, por exemplo: "se tes unha enfermidade, quen te coida?". Se nomea soamente a un dos proxenitores, podemos facerlle ver que toda a familia é un núcleo de confianza, de todos xeitos, debemos respectalo, xa que é o seu círculo de confianza.
Círculo 3: AMIGAS/AMIGOS (OU MEDIA CONFIANZA).
Preguntámoslle: "Con que persoas podes falar de moitas cousas, te divirtes ou podes pedirlle un favor?". Debemos facerlles ver, sobre todo en nenas e nenos maiores, que as amigas e os amigos non teñen por que ser persoas da súa idade coas que se entreteñen. 
Círculo 4: COMPAÑEIRAS/OS (OU POUCA CONFIANZA)
Preguntámoslle: "Con que persoas o pasas ben pero non podes pedirlles axuda ou contarlle un segredo? Fas o mesmo con todas as túas compañeiras? Se non é o teu amigo íntimo xa non podes pasar un bo rato xogando con el?".  
Trátase de que sexan quen de transmitirnos, algo que é máis complexo en nenas/os de Infantil e nos primeiros cursos de Primaria e o entenden mellor facendo referencia ao alumnado doutras aulas, que hai certa diferencia entre amigas/os e compañeiras/os porque aínda que o pase ben con ambos, non se tratan igual. 
Círculo 5: PERSOAS COÑECIDAS (OU MOI POUCA CONFIANZA)
Preguntámoslle: "Coñeces a alguén que saúdes a miúdo pero con quen non falas nada máis? Hai persoas que coñeces porque as ves con frecuencia polas rúas? Recoñeces a quen vende na panadaría ou no supermercado?".
Trátase de transmitirlle que coas persoas coñecidas pódense ter conversas pero normalmente sobre temas pouco relevantes, incluso ás veces, so as saudamos. 
Ás persoas coñecidas coñecémolas porque están no noso contorno ou coñecen a familiares ou amigas/os. Non podemos confiar ata que non pasen a outro círculo (algunhas persoas coñecidas nunca o farán).

Círculo 6: PERSOAS DESCOÑECIDAS (OU NINGUNHA CONFIANZA)
Preguntámoslle: "Algunha vez che preguntaron por algo na rúa ou no parque? Lémbraste das persoas coas que te cruzaches pola rúa?" As persoas descoñecidas son todas as persoas coas que nos cruzamos pola rúa e que non coñecemos. 
Pode ser interesante poñer exemplos de situacións para que analicen se as persoas que aparecen son ou non descoñecidas, por exemplo, se saben o nome da persoa, se din que son amigos de papa, se che soa a cara dalguén...


Ningún comentario:

Publicar un comentario